martes, agosto 07, 2007

ROMARIA DA VIRXE DO CORPIÑO .....

O santuario da Nosa Señora do Corpiño, ou máis comunmente chamado O Corpiño, atópase situado na parroquia de Santa Baia de Losón pertencente o concello de Lalín, nun pequeno outeiro situado no alto do val do río Deza, a medio camiño na estrada que vai de Silleda a Vila de Cruces.

Historia

A arquitectura actual do inmoble data de finais do século XIX. Nembargantes a localización do actual santuario foi escollida ao redor do século XII, pois di a lenda que preto de alí, nunha pequena ermida ofrecida a Santo Hadrián, vivía un personaxe que presentaba unha gran devoción pola figura da Virxe, á que lle dedicaba numerosos sermóns que eran recibidos de grado polos veciños da zona. A lenda di que co paso do tempo o home apareceu morto mais co seu corpo incorrupto, o que se interpretou como unha milagre que a Virxe obrara. En resposta a tal suceso, os veciños levantaron unha capela na súa honra, onde agora se atopa o templo actual. A lenda tamén conta que Almanzor destruíu o templo, feito nunca probado historicamente, e que dende aquela a ermida caeu no esquecemento, ata que unha parella de pastoriños, mentres se refuxiaban dunha tormenta presenciaron a aparición da Virxe co neno no colo. Dende entón o lugar retomaría o culto.

A romaría

As peregrinacións de crentes sucédense todo o ano, aínda que alcanzan o seu punto álxido na romaría celebrada entorno o 23-24 de xuño. Estas congregan a centos de romeiros que buscan un remedio para a súas doenzas, particularmente a xente afectadas de doenzas relacionadas co mais alá, como feitizos, meigallos, tolemias ou posesións demoníacas, quizais unha forma de denominar enfermidades mentais ou nerviosas pouco coñecidas. O Corpiño é tamén un dos poucos lugares da península onde aínda se practican exorcismos para sacar o demo ou o meigallo fóra do corpo de fieis “posuídos”. Deste xeito relixión e bruxería confúndense nun único espazo coma únicos culpables ou remedios daquelas doenzas ás que a medicina supostamente non foi capaz de dar solución ou explicación.

Durante estas datas do mes de xuño centos de fieis chegan durante a mañá co fin de presentarlle a súas ofrendas a Virxe en forma de exvotos de cera, cirios ou mediante cruces ou nomes, que gravan nos paramentos da ermida durante o seu peregrinar o redor do templo, nun intento por deixar un sinal da súa relixiosidade e devoción. Trala misa da unha, os peregrinos arrexúntanse formando unha fila ao redor do templo, para que a figura da Virxe en procesión sexa levada por riba das súas cabezas. Nese momento os crentes fregan panos contra os pés da Virxe co fin de cargalos dalgún tipo de poder curativo ou apotropaico, para levalos á casa e protexer aqueles enfermos que polas súas doenzas non puideron acudir á romaría.

O santuario do Corpiño constitúe xunto con Santo André de Teixido e os Milagres de Amil un dos sitios máis populares deste tipo de crenzas relixiosas.

_

1 comentario:

Carnavales Villanueva dijo...

Hola!, somos un blog creado hace poco sobre los carnavales de Villanueva de Valrojo. Nuestra intención es darnos a conocer un poco más por la provincia de Zamora, y por lo tanto os invitamos desde aquí a visitar nuestro blog y página web cuando queráis. ¡Un saludo!

http://carnavalesvillanueva.blogspot.com
http://www.carnavalesvillanueva.es.vg

 
Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License.